19 de enero de 2014

Cando as historias se transforman en MÚSICA


 

   A  ópera, o ballet e moitas  outras  obras da música culta teñen coma punto de partida  as  lendas populares ou mitolóxicas, as narracións infantís e a literatura popular ou de autor.

  Son moitos os compositores, músicos e coreógrafos  que nos contan historias  trocando a linguaxe oral e escrita   pola lingua da  música e da  danza.

  Os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º asistiron o día 17 de xaneiro a un concerto didáctico da man da Orquestra do Conservatorio de Santiago e a Real Filharmonía para realizar unha “Viaxe musical” por distintos lugares  do mundo a través da música.

  O primeiro destino foi Londres.  Edward Elgar compuxo alí  a suite “Pompa e circunstancia” en 1901.  A 1º Marcha que escoitamos neste concerto  lembrounos  cerimonias e rituais con moita “pompa”.

  Dende Londres viaxamos a París. O compositor  Jacques Offenbach compuxo a ópera  cómica Orfeo nos Infernos baseada no mito de Orfeo e Eurídice. Escoitamos o “ Galop final “, un cancán que  nos invitaba a bailar.

  O seguinte destino foi Italia.  En 1813  Gioachino Rossini  compuxo a ópera  Il signor Bruschino” da cal escoitamos a súa obertura. Nalgúns compases os violinistas transformáronse en percusionistas golpeando  ritmicamente o atril co seu arco.

  A viaxe continuou en  lugares máis exóticos. Primeiro chegamos a Irán, antigua Persia,  onde a música de Willian Ketelbey nos describiu “Un mercado persa”  no que  non faltaron mercadores, faquires, encantadores de serpes, princesas, o califa...  todos nun ambiente moi oriental.

  E seguindo en oriente escoitamos a Danza chinesa do ballet Crebanoces de Tchaikovsky. Esta obra está inspirada no conto de Hoffmann  " crebanoces  e o rei dos ratos". O fagot, as frautas e o pizzicato dos violíns  leváronnos en pouco máis dun minuto ata  a  afastada  China.

  A  viaxe musical rematou ao outro lado do Atlántico. Aaron  Coplan, compositor estadounidense compuxo en  1942 o ballet Rodeo, no que mediante a música e a danza nos conta   as peripecias dunha vaqueira que busca o amor no  oeste americano.

   Se queres viaxar con estas melodías podes entrar na páxina do blog da aula de música e atoparás diferentes versións de cada unha das obras do concerto.

 ¡ Boa viaxe!
http://zumzumm.blogspot.com.es/search/label/AUDICI%C3%93NS

17 de enero de 2014

Benvida

" Os libros, lugar onde dormen as historias que esperan ser espertadas polos/as futuros/as lectores/as".

Con estas palabras dámosvos a benvida o blogue da Biblioteca do CEIP "A.D.R. Castelao" de Ordes.